jueves, 18 de junio de 2020

REMATE FINAL

Bo día a todos/as!

Estamos chegando ao fin desta aventura...quen nos iba dicir que remataríamos este curso deste xeito tan....tan...raro?

 Por eso, creo que todas e todos merecemos unha segunda oportunidade e debemos facer o posible por reunirnos de novo en setembro e retomar a nosa rutina diaria, o noso contacto, ainda que sexa tomando as medidas hixiénico-sanitarias oportunas. 

Para todas e todos será un reto difícil porque debemos coidar de non bicarnos, de manter un pouco as distancias, de non compartir materiais, etc...un rollo!!!!! pero sempre será mellor que estar detrás do ordenador, o móbil ou a tableta sen vernos, sen sentirnos ainda que non nos poidamos tocar moito.

Este curso foi moi difícil, a partir do 12 de marzo, rompéronsenos os esquemas, tivemos que quedar na casa máis de 50 días sin sair a dar nin medio paseo, seguindo co curso na casa, escoitando noticias, pedíndovos que afrontásedes o día a día como se non vos afectase.

Sabedes o que vos digo? Que os adultos somos adultos e temos a responsabilidade de afrontar a realidade e seguir adiante, pero vós sen responsabilidade fostes un exemplo para todos. Fostes os máis perxudicados, foi coma se estivesedes castigados pero sen incumprir ningunha norma.

 Espero que á volta das vacacións, os que mandan, pensen en vós un pouquiño e teñan o cole preparado para que unha vez comezado o curso non teñamos que voltar para a casa por non protexer a vosa saúde. 

Para despedirme deste curso  quero darvos as grazas por tanto: polo esforzo, pola implicación e a colaboración en todo o que vos propuxen neste tempo, grazas por seguir aprendendo na distancia e grazas por ensinarme a min.

 Nesta situación excepcional dinme conta do importante que é ter unha relación de plena confianza cos rapaces e coas familias, remar todos cara a mesma dirección e co mesmo destino. O importante que é a comunicación, o apoio duns aos outros cando flaqueamos e non sabemos moi ben por onde tirar nin de que forma. O importante que é a sinceridade, o poñerse no lugar do outro, o recoñecer que non temos a situación controlada, porque deste xeito, en lugar de recibir críticas o que recibimos son mans tendidas para tirar de nós. Din por aí que non hai mal que por ben non veña, e vai ser certo.

Tomádevos uns mesiños de descanso nenas e nenos e mamás e papás porque despois de tanto esforzo tédelo máis ca merecido, recarguemos as pilas e volvamos á escola con enerxia, con toda a enerxía positiva que necesitamos para emprender un novo proxecto, para afrontar o voso último curso na etapa máis bonita do sistema educativo: a Educación Infantil. 

Estou segura de que o próximo curso será un éxito, sei o que valedes cada un de vós e sei todo o que me aportades día a día na aula. 

Non podo estar máis orgullosa do marabilloso grupo de alumnos e alumnas que formades, do ben que nos coñecemos, de como nos chamamos por nomes cariñosos, de cómo ao traballar individualmente con cada un de vós nos adicamos palabras e xestos de complicidade e amor, de como confiades en min e buscades o meu apoio, de como fostes superando as pequenas dificultades do día a día, de como crecestes felices dentro da aula. Orgullosa do importante que sodes vós para min e eu para vós.

Espero poder volver a ser a vosa titora o vindeiro curso, porque de non ser así botaríavos moitísimo de menos e ademais este curso quedounos moito por crecer xuntos e temos que retomalo.


Quérovos infinito!  ... infinito non, que non existe ... 
Quérovos ... quérovos ... quérovos un universo enteiro!!!!


Vémonos pronto!






No hay comentarios:

Publicar un comentario